quarta-feira, 20 de Maio de 2009

Mudanza


Despois de moito tempo pensando neso, chegou o momento da "mudanza". A partir de agora, este blogue deixará de pertencer a Blogger, e pasará a formar parte da comunidade Blogaliza.
Seguirá sendo o mesmo, só que cun deseño distinto, e baixo un "pai" galego ó 100%.

No novo blogue podedes atopar TODAS as entradas que publiquei até o de agora, coas mesmas imaxes, e todo igual. Simplemente mudou o dominio.

Deixarei este blogue aberto durante un tempo prudencial para @s despistad@s, pero as novas entradas tan só as poderedes ler no novo.

Agradeceríavos a tod@s os que tendes unha ligazón a este blogue que a cambiedes, xa que a partir de agora só me poderedes atopar aqui:

http://www.ascronicasdealfredinho.blogaliza.org


Un saúdo para todos e... VÉMONOS NOS BARES (centros de cultura)


P.D.: Grazas pola axuda durante a mudanza Iván!

sábado, 16 de Maio de 2009

Pola língua


O galego que non fala

na língua da súa terra

non sabe o que ten de seu

nin é merecente dela.


("
Da vella roseira", Victoriano Taibo)


Mañá 17 de Maio celebraremos o Día das Letras Galegas manifestándonos en Compostela en defensa do noso idioma. Porque o Galego é a nosa columna vertebral, o idioma que nos une. Vén canda nós, para expresarmos, todas e todos xuntos, que queremos vivir en Galego.

Adherímonos, así mesmo, ao "Manifesto pola Convivencia Lingüística e a Igualdade de Dereitos para o Galego", promovido por A Mesa pola Normalización Lingüística.


sexta-feira, 15 de Maio de 2009

Minorías absolutas


Dende que coñecín os finalistas da Copa do Rei de fútbol deste 2009, tan só había unha cousa que me intrigaba para ese partido, e non era o resultado, posto que ca tempada que levaba feita o Barcelona, tiña claro o desenlace do partido, por moito que meu pai diga que os partidos hai que xogalos, que duran 90 minutos, que o fútbol é un deporte inxusto, e bla bla bla...
E xa que poño esto por diante, preguntarédesvos qué era o que me intrigaba. Pois, sen lugar a dúbidas, era o momento no que o Rei do estado español accedera ó palco presidencial do Estadio de Mestalla e soara o himno dos españois.

Se o partido o xogasen o Betis mailo Atlético de Madrid (por poñer un exemplo), non tiña dudas de que o himno se respetaría como bos españois que son os siareiros dun e máis do outro equipo. Pero estando polo medio xente de Euskal Herria e de Catalunya, xa non o tiña tan claro. Bueno... de feito, sabía que ía acontecer o que aconteceu. Pero co que non contaba era con que a Televisión Española (esa que pagamos todos, queiramos ou non), a televisión pública, fixera o que fixo. Non vou entrar en detalles posto que de seguro que todos os que ledes esto estades fartos de ver as imaxes por televisión.

Normalmente, cando o reloxo marca as 12 da noite, escoito o programa "El Larguero" da Cadena SER. Non é porque me guste o seu presentador, nin por suposto polos seus contertulios (madridistas aférrimos todos eles). Simplemente é por tradición, porque o levo escoitando tanto tempo que non son quen de imaxinar unha noite sen ese programa. Pois ben, o director do programa, José Ramón de la Morena, comentaba que os asubíos cando apareceu o Rei e soou o himno foron unha minoría, e que moita xente dentro do estadio non lle fixera boicot. Realmente non sei en qué canal tiña posta a televisión este personaxe, pero negar semellante obviedade é como dicir que a coca-cola é branca.

Á TVE chovéronlle as críticas dende tódolos medios de comunicación, incluso dende o Goberno e, durante a mañá de onte, era destituído do seu cargo o Director de Deportes, Julián Reyes, por non emitir o himno en directo e, non contento con eso, metelo no descanso totalmente manipulado. Cando vin semellante atrocidade, non puiden senón lembrarme da escena da Super Bowl cando Janet Jackson mostroulle ó mundo a súa teta.

As miñas preguntas agora son:

1.- Se os que asubiaban eran UNHA MINORÍA... ¿Por qué tanto medo? ¿Por qué se censurou a escena do himno e, con moi pouca vergoña, se repetiu no descanso do partido botándolle a culpa do sucedido a un "error humano"?

2.- Se, como nos queren vender, estamos nun estado democrático e existe a liberdade de expresión... ¿Por qué se censura o "momento himno"? ¿Polos asubíos? ¿Pero non estábamos nunha democracia e existe a liberdade de expresión? Pois os asubíos non son máis que unha opinión LIBRE da xente, e como tal hai que respetala.

3.- ¿Por qué os vascos e os cataláns son españois cando interesa, se lles critica por asubiar o himno español, e despois, domingo tras domingo, dende bancadas como a do fondo sur do Bernabeu, son "catalanes de mierda", "etarras", "vascos hijos de puta", e non "españoles de mierda" ou algo polo estilo?

Se cadra, o que ocorre, é que estamos ante minorías ABSOLUTAS.

domingo, 10 de Maio de 2009

"Operación Truño"


O seguinte texto está extraído do número 1667 da revista "El jueves", e está asinado por Pepe Colubi, periodista e escritor que ten a súa propia columna semanal, chamada TeleTipo, na devandita revista.
Póñoo aquí para tod@s vos porque me pareceu, simplemente, extraordinario.




EL REGRESO DE LOS ATROCES CLONES CANTORES.

Los nuevos concursantes de Operación Triunfo lloran a moco tendido cuando se les anuncia su ingreso en el show, a pesar de que llevan años viendo que los triunfitos acaban en el arroyo. Vale que estos jóvenes horteroides sin experiencia en la vida se emocionen ante lo que consideran una oportunidad de oro, pero lo de esos padres al borde del infarto no tiene nombre: "Estoy muy orgulloso, tío, ¡muy orgulloso!", gritaba uno de esos progenitores mientras le hacía a su hijo una llave asfixiante disfrazada de abrazo.

Sólo son bocetos de cantantes, y así seguirán porque no harán carrera en OT; alguno puede que participe en un reality cutre y otros quizás aparezcan en una serie juvenil o en algún cuerpo de baile, pero todos acabarán cantando en el metro, bebiendo vino de tetra brik y durmiendo en albergues municipales mientras se preguntan por qué Bisbal sí y ellos no.


segunda-feira, 23 de Março de 2009

Lembranzas actuais


5 días dan para moito nunha cabeza en ocasións demasiado pensante como a miña, aínda que xa se sabe que o refrán di que pensar é de burros. O caso é que estos 5 días paseinos, de mércores a onte domingo, en Corme, e de aí tiña que xurdir algo.
Volvín ó meu faiado, volvín sentir a grandeza do mar e do sol, a pasear polas súas rúas, a falar coas súas xentes... Pero sobre todo volvín a lembrar. E as lembranzas despertaron en min a necesidade de volver escribir algo despois de que o Entroido xa quede ben atrás e a Semana Santa me volva ter parado obligatoriamente.
Nunca se sabe onde un pode atopar inspiración pra escribir. Suso Lista, por exemplo, estou seguro que a atopa nos seus paseos ó muelle, e eu atopeina no sitio no que menos contaba.

Hai un lugar en Corme polo que pasaron todas as xeracións, absolutamente todas. A porta da Ayudantía (ou do que antes era a Ayudantía) foi sempre lugar de reunión. Ten un escalón onde sempre nos sentábamos (e antes ca min xa se sentara meu pai), e no que agora se reúnen rapaces máis pequenos. De ancho pode ter como moito 50 cm. Cando nós éramos da idade dos rapaces que agora se sentan alí, sabíamos que alí cabían tres cús dos nosos. Pois ben, este post de hoxe voullo adicar ó culpable de que o xoves volvéramos a sentarnos alí.

Isma (fillo de Mari de Jorge), Alex (cariñosamente chamado "Peke", fillo de José de Baneira) e o que vos fala (o neto máis vello de Susa da Culilla) pasábamos por diante da Ayudantía despois de ir dar un paseo ó muelle, e o primeiro dixo as verbas máxicas: "Sentámonos aquí un anaco?"
Comprobamos que a pesar dos anos, e de que a porta non ancheara, seguíamos cabendo os tres sentados alí. E eso levounos de novo á nosa infancia...
Lembrámonos de cando a Fonte do Campo só tiña un picho (agora ten catro), de cando o quiosco aínda non o tiña Inma, das zapatillas que tiña Loló na ventana pra vender, dos comentarios da nai de Isma ("non quero verte sentado na porta da Ayudantía"), da sala de xogos, de cando Ricardo non nos servía alcohol, das festas que pra nós remataban como moi tarde ás 2 da mañá, do estreita que é a casa de Rosita de Isabel, e todas as trastadas que facíamos cando éramos pequenos.

Erguémonos despois de media hora alí sentados, e pra non variar a costume, e como no reloxo xa marcaban as 8 da tarde, fomos facer unha pequena ronda, que se alongou ata ben entrada a noite, e con miña nai preocupada porque non aparecín nin pra cear (feito que tamén se repetiría ó día seguinte).
Durante a ronda, cando estábamos na Torriña, chegou o segundo momento de lembrar. Desta vez, tocounos volver ás nosas primeiras saídas a Ponteceso, aínda que máis ca eso, lembramos todos os follóns que tivemos, e caín na conta de que a maioría foron provocados porque había mulleres polo medio (qué casualidade!). Agora vémolos dende a distancia no tempo e parécenos incrible ata os extremos ós que chegamos nalgunhas ocasións, e sobre todo, o inconscientes que podemos ser. E aínda así... qué ben o pasamos!

Moitos quintos despois da parada na Torriña e das lembranzas da Ponte, tocaríame ir pra casa. Deiteime na miña cama do faiado e volvín retroceder ó pasado. A miña memoria tiña o día alegre e traballador, e me levou a aqueles días de verán, a aquela vez na que casi afogo na praia do Osmo, ás fotos cos meus bisavós e avós, ás comidas de miña avoa Angelita coas amigas no Miramar, ós cantares da avoa Esperanza (este frente frentolán, estes ollos de perdís...), ás sidras e ós chupa-chups de meu avó no bar de Ricardo, a piscina desmontable das Forcadas, ós partidos de fútbol no Colexio e ós de beisbol na Ribeira, ás pateadas que nos metíamos pra ir ós jrois (moras, para os castellanitos), ás festas da espuma, ó bote-bote, ó rescate, e ó máis recente paso das 1000 pesetas ós 10 €uros...

Pero sen dúbida, o que máis me alegrou destes 5 días en Corme foi ver que os amigos que alí teño son para toda a vida. Somos coma unha grande familia, que nos xuntamos menos do que deberíamos e quixéramos, pero que cando o facemos é para lembrar que se somos amigos é porque houbo algo hai moito tempo que nos uniu, e que agardo nunca se rompa.

Hoxe, o meu post da ponte de San Xosé adícollo ós meus amigos do pobo, pero sobre todo a Isma, xa que se non fóra por el non me tivera sentado na Ayudantía, non voltaría ó pasado, e non tería escrito este texto. Vai por ti, amigo!


Un saúdo para todos e... VÉMONOS NOS BARES (centros de cultura)

quarta-feira, 25 de Fevereiro de 2009

Antroido 2009 (e xa levo 23)


Recén chegado do enterro da sardiña, e como non podía ser doutro xeito, teño a obriga de redactar o que deron de sí os pasados 6 días. Quizais debería dicir 12, xa que o Antroido comezou pra min unha semana antes do que agardaba, debido ó concurso de comparsas que se celebrou no Pazo da Ópera o día 15 deste mes de Febreiro ó que lle queda un suspiro.

O ano pasado "salteime" sen querer o post obrigado de despois do Antroido. Comentaba cos meus achegados que foi, senón o mellor, un dos 3 mellores Antroidos da miña vida. A pesar de que para os veteranos en idade da comparsa (e para os que se retiraron dela) sempre serei "o neno", a miña relación coa xente mudou dun xeito especial, e eso repercutiu en todo o demáis. Pero como eso xa foi, vouvos falar destes días pasados, que os teño máis frescos.

Os Maracos, como non podía ser doutro xeito, estivemos no antes mencionado concurso de comparsas, cunha posta en escena digna de nós mesmos (digo esto porque a maioría dos lectores "activos" do blog sabedes como nolas gastamos). Entre os sorrisos da xente botábamos o foguete que daba comezo ó noso mellor momento do ano.
Porque Os Maracos somos eso, somos Antroido, somos festa, ledicia e diversión. E sin eso non podemos vivir. Pra vivir reprimidos xa temos todo o ano. E no tempo de Don Carnal facemos o contrario do que se pensa. Quitamos a máscara coa que vivimos o resto do ano e nos deixamos ver tal e como somos, sen ataduras nen vergonzas.

O venres xuntámonos todas as comparsas nunha carpa instalada polo Concello nos Xardíns de Méndez Núñez. Despois dunha ronda de pinchiños, a música comezou a soar. Despois dun anaco divertido, puxemos rumbo á zona dos viños. Como éramos poucos e nos levábamos a carroza, era moito máis sinxelo crear un clima familiar, así que dentro dos bares, e acompañados da guitarra e dunhas cuncas de viño, comezaron a sair esas cancións que sorprende que saiba xa que datan de moitos anos antes de que eu viñera a este mundo, pero que tamén forman parte dos Maracos.

O sábado quizais é o día que máis asomella a un sábado normal, exceptuando o desfile polos Cantóns, algo que ata hai dous anos se facía o domingo, é que agora deixa o derradeiro día da semana sen actividade algunha, o cal propicia que sexa o día máis tranquilo, e que este ano cubrín acudindo ó partido do Dépor fronte ó Valencia en Riazor, algo ó que os demáis membros da comparsa tamén ían acudir e que ó final quedou en nada.

Este ano, un grupo de valientes, repetimos a comida do luns, que propuxen o ano pasado nunha tarde na Cervecería. Entón soaba como algo de tolos, pois o luns de Antroido é o suficientemente duro saíndo ás 9 da noite como para alongalo e comezalo ás 2 da tarde, pero funcionou, así que este ano volvémonos xuntar para aproveitar ó máximo o tempo. En agradable compaña, despachamos un pouco de empanada de Bergondo, paella e carne en rollo con pataquiñas. Acto seguido, chegaron as cervexas, que terían un descanso durante unha entrevista que nos fixeron en Localia, e que continuaron (xunto co viño, os cubatas e algunha bágoa) durante toda a noite e ata ben entrada a mañá polas rúas da cidade. Sen dúbida algunha, o luns de Antroido é o día grande.

Eran as 8 da mañá cando me estaba deitando, e ás 12 xa me estaba erguendo. En Monte Alto, barrio choqueiro por excelencia, agardaba por min o que ó principio era unha homenaxe e que despois se turnou nun dos momentos máis bonitos e especiais que levo vividos nesta comparsa.
Era a 1 da tarde do martes cando se lle facía unha homenaxe a Canzobre, un dos mitos do Antroido coruñés, e media hora despois estabamos na rúa San José (polos Maracos coñecida como "a calle de César") pra rendirlle homenaxe a dous choqueiros. Un deles, César, deixounos hai 7 anos. O outro, Palau, ex-concellal de Festas do Concello, en Outubro do pasado 2008.
Seguramente, eles dous, xunto con Canzobre e Nito, estarán formando unha comparsa aló onde se atopen.

O momento do que vos falaba chegou despois. Casa Odilo é un lugar mítico de Monte Alto, e ata alí nos desplazamos os poucos Maracos que aínda estabamos con vida despois da noite do luns xunto cos compañeiros de Monte Alto a 100 para tomar unha cerveciña pra resaca. Unha vez dentro, os amigos da devandita comparsa nos entregaron un folleto coas súas letras deste ano, e nos pediron que as cantáramos con eles. A guitarra de Wences, un home dunha idade avanzada pero que, como ten alma de choqueiro, semella un rapaz, comezou a soar e alí, nun lugar emblemático dun barrio emblemático, as voces de todos os presentes uníronse pra estremecer a este que vos escribe, que tamén se ve choqueiro de pro a pesares da miña xuventude.

Tras esto viría un xantar tamén especial (cuns poucos Maracos máis dos que éramos nas homenaxes), a xuntanza cos demáis no punto de encontro de costume, a típica subida á rúa da Torre, a foto de grupo (que como cada ano hai máis igrexas en obras, este ano tivo que ser na de San Andrés) e a derradeira cea do Antroido nun lugar que ultimamente frecuento bastante. Despois viría a volta "á casa" da nosa carroza, entre caras de tristeza e cansanzo.

Como vedes, un Antroido cos Maracos é distinto. É coma un traballo, cos teus horarios e todo. Hai pouco nos facían unha entrevista na que eu dicía que "é un xeito de vida". Unha persoa especial pra min pode dar boa fe deso, pois este foi o seu primeiro Antroido con nós, e está sufrindo as consecuencias, sobre todo na súa gorxa.

Pero non quero rematar este post sen lembrarme dunha persoa da que xa falei un pouco máis arriba, e que pra min, dende moi pequeno, dende que ía acompañado á Cervecería por meu avó e meu pai, sempre foi especial. Toda a vida me saludou do mesmo xeito. "Arriba las manos", me dicía no medio dun sorriso socarrón pero totalmente inocente. Nunca fun quen de erguerme o martes de Antroido pra ir á súa homenaxe, pero este ano fíxeno, porque realmente o merecía. El manexaba o seu propio calendario de Antroido. Para el, esta festa duraba dúas semanas máis que pro resto. Tampouco tiña límite de horario. Como lembra meu padriño, era quen de pasar días sen meterse na cama. "O Canto do Cuco", tasca de Monte Alto que pechou hai un tempo, era a súa segunda casa, onde tiña o seu propio rincón, "O rincón de míster César", o cal estaba adornado por fotos del, e que hoxe descansan no caixón da miña mesa. Era camareiro, era un Maraco, pero sobre todo era choqueiro. Este ano, o meu post de Antroido vai por ti, César.



Un saúdo para todos e... ide botando contas, que xa só restan 352 días para o seguinte.


sábado, 17 de Janeiro de 2009

Entre batzokis e flores


Deixar de facer o que debo
pra facer sempre o que quero

Din que a fe move montañas. A fe non sei, pero a música e, sobre todo, a mala ostia, móvenas fácilmente (se se me considera unha montaña, claro está)

ESKERRIK ASKO!



La chica del batzoki (live in Durango)

Euri tanta bakoitzean